Tuesday 24 de September de 2024

O Pro Junior chega a Galicia por cuarto ano consecutivo cos 200 mellores surfistas xuvenís do Mundo


_O secretario xeral para o Deporte destaca o gran traballo que se fai no Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf e amosou o seu convencemento de que Galicia contará pronto cun surfista olímpico ou olímpica

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Pro Junior Surfing Event que terá lugar na praia de Razo dende hoxe ata o vindeiro 28 de setembro. Alí, o mandatario galego destacou o grande nivel do surf de base que se fai en Galicia, nomeadamente, dende 2022, cando botou andar o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf en Nigrán.

Neste sentido, o secretario xeral para o Deporte subliñou os nomes dalgúns dos mellores representantes galegos do NADE no que rapaces e rapazas de entre 14 e 19 anos adestran co obxectivo estratéxico de conseguir a participación en Xogos Olímpicos, Paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel, como é o caso do Pro Júnior, a competición xuvenil de surf máis importante de Europa.

En concreto, Lete Lasa referiuse a Cris del Llano, Daniela Alonso, Sebastián Bahaamonde E Manu Fernández como os maiores activos do surf galego que, nestes catro días, enfrontaranse en Razo a preto de 200 surfistas chegados de todo o mundo. Deste xeito, o responsable da carteira de Deportes amosou o seu convencemento de que, de continuar este crecemento exponencial do surf en Galicia, pronto poderemos contar cun surfista olímpico ou olímpica.

Deja un comentario